viernes, 4 de abril de 2014

Informe final: "Vida Saudable Boiro; Alimentación equilibrada e exercicio físico”

Dende o IES "Praia Barraña" de Boiro, comezamos un proxecto moi interesante que tiña como lema facer unha proposta para a mellora da política europea sobre saúde. Tratase dunha iniciativa na que se traballou para mellorar a política sanitaria e educativa no tema da obesidade. Dita iniciativa levámola a cabo na clase de TIC’s (Tecnoloxía da Información e a Comunicación) pero tamén contamos coa axuda dos Departamentos de Bioloxía e Educación Física.

Escollemos como tema a vida saudable; a alimentación equilibrada e o deporte, xa que é un tema que afecta a un gran número de persoas. Por una banda, o 26 % dos pequenos de seis a doce anos presentan sobrepeso en Galicia e un 9 % xa chegan ao límite da obesidade, é dicir, o 35 % dos menores de primaria están afectados en maior ou menos grao por este problema, que non é alleo tampouco á poboación adulta, por iso recalcamos a importancia de previr e evitar as consecuencias do exceso de peso.

En primeiro lugar, comezamos por informarnos ben, para o que cada un de nós se metese máis a fondo nos temas que mais directamente estaban influenciados. Repartimos o traballo e realizamos varias presentacións en relación aos temas máis importantes. Para a realización deste proxecto, botamos man de moitas fontes de información, recabando esta tanto a nivel local, autonómico coma europeo.

Seguidamente organizamos unha serie de entrevistas con expertos na materia, como, por exemplo cun nutricionista especializado nos hábitos alimenticios. Recorremos tamén ao concello para entrevistar o concelleiro de deportes e a un ximnasio, para informarnos sobre a actividade física. Logo entrevistamos a outros alumnos do IES "Praia Barraña" para que nos desen información sobre os seus hábitos alimenticios e deportivos. Entrevistamos a nosa profesora de bioloxía, Ana Urbieta e nos respondeu a unha serie de cuestións que preparamos especialmente para unha experta en bioloxía e xenética. Finalmente investigamos un pouco acerca dos alimentos máis saudables e prexudiciais que se venden nun supermercado. Destas entrevistas e investigacións, sacamos en limpo a importancia de levar unha vida saudable tanto dende o punto de vista da nutrición coma do deporte.

A continuación preparamos un par de vídeos, no primeiro, centramonos máis en definir o que era a obesidade e, en como a sociedade tamén é moi cruel con aqueles rapaces que a padecen. No segundo vídeo, analizouse como a alimentación equilibrada e o exercicio físico son dous pilares fundamentais que inflúen directamente sobre o problema do sobrepeso.

Finalmente, e como colofón a todo o traballo, organizamos diferentes actividades baixo o lema "Día da Vida Saudable" para concienciar á poboación dos graves problemas que o sobrepeso pode acarrear. Conscientes de que a educación é fundamental nos hábitos alimenticios e deportivos, que dende ben novo se adquiran, traballouse para favorecer hábitos saúdables dende a escola.

Para poñer en práctica a temática deportiva ocorréusenos a idea de facer un día dedicado ao deporte, o cal se pode ver no vídeo final. Neste día realizamos unha serie exercicios ao aire libre e rematouse con varios partidos de bádminton. Non houbo nada mellor que finalizar a xornada de exercicio físico recuperando enerxías cunha peza de froita que se nos dou aos alumnos para incitarnos a levar unha vida saudable.

Toda a iniciativa difundiuse a través da páxina Web do centro, do centro Europe Direct, da prensa, da radio e das redes socias.

Neste proxecto integramos moitos dos coñecementos, que estamos estudando na asignatura TIC's, con Bioloxía e Educación Física. A realización do proxecto final levounos a usar os programas de edición fotográficos, o Gimp e Inkscape, programas de edición de vídeo para a edición do video final (Corel Vídeostudio pro x7), programas de edición de audio (Audacity) para a grabación e edición da voz e por suposto todo o que conleva a creación dun blogue e o uso das redes sociais.


Desta experiencia aprendemos a importancia de levar unha dieta equilibrada, saudable combinada con exercicio físico para non ter problemas de saúde nun futuro. Todos nós, animamos a toda a xente a cambiar os malos hábitos e a mellorar os estilos de vida sedentarios.


¡Por un futuro mellor e unha vida saudable!

No hay comentarios:

Publicar un comentario